Pietro Giampaoli
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de febreiro de 1898 Buja, Italia (pt) |
Morte | 27 de febreiro de 1998 (100 anos) Roma, Italia |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Italia (1946–1998) Reino de Italia (1898–1946) |
Educación | Accademia di belle arti (pt) |
Actividade | |
Ocupación | gravador , escultor , medallista |
Lingua | Lingua italiana |
Pietro Valentino Giampaoli, nado en Buja, provincia de Udine, o 13 de febreiro de 1898, e finado en Roma o 27 de febreiro de 1998, foi un gravador, medallista e deseñador de moedas italiano.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Pruimeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Pietro Giampaoli era o segundo fillo de Teresa Pischiutta e de Luigi Giampaoli, unha familia humilde propietaria dunha pequena carpintaría na que pasou parte da súa infancia, ademais de asistir á escola primaria de Buja.[1]
Aos 16 anos emigrou a Austria, onde o sorprendeu a primeira guerra mundial, na que participou como soldado. Resultou prisioneiro polos austríacos logo da derrota de Kobarid e foi deportado a Hungría, onde aprendeu os rudimentos da arte do gravado de metais da man doutro prisioneiro ruso.[1][2][3][4]
De volta a Italia, en 1920, aínda como militar, obtivo un destino en Milán, cidade na que comezou os seus estudos de Arte, na Academia de Belas Artes de Brera.[3][4] En 1924 acadou o primeiro premio de cicelado desta academia.[1]
Medallista e gravador de moeda
[editar | editar a fonte]Logo do seu paso formativo por Milán comezou a dedicarse ao gravado profesionalmente, aínda que nunha situación de penuria económica. Marchou a Venecia, onde estivo pouco tempo como bolseiro na Academia de Arte,[2] e logo estableceuse en Roma, onde comezou a acadar os primeiros éxitos e un prestixio como gravador profesional, fundamentalmente de medallas, o que lle permitiu concentrar alí a súa familia de Buja. En Roma foi mestre de gravado dos seus dous irmáns, Celestino Giuseppe e Vittorio, que se uniron a el, fixando a súa residencia familiar na Torre dei Capocci.[5] Como medllista participou coas súas obras na Bienal de Venecia de 1928 e participou en exposicións en cidades como Madrid, Bonn ou Washington.[1]
O seu talento e a súa habilidade artística levárono a ser nomeado en marzo de 1937 gravador xefe da Casa da Moeda Estatal,[4] posto que ocupou ata 1963, cando fixo os seus 65 anos.[3] Durante esta etapa actuou tamén como asesor das cecas públicas de Alemaña, España, Turquía e Francia.[1]
Pietro Giampaoli foi o creador das primeiras moedas italianas despois da segunda guerra mundial e o responsable da cuñaxe da maior parte das moedas italianas e vaticanas do seu tempo.[2] Tamén se encargou dos cuños de moedas para outros países, como Israel, Turquía, a Orde de Malta ou a República de San Marino.[3]
A súa creación máis popular foi o anverso da moeda de 500 liras de prata cuñada a partir de 1958, no que gravou un busto feminino de estilo renacentista,[1][2] inspirado nunha medalla de Pisanello.[6]
Pietro Giampaoli faleceu en Roma o 27 de febreiro de 1998, poucos días despois de facer os cen anos.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Pietro Giampaoli". http://mebnet.altervista.org/
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Pietro Giampaoli". slvs.infoteca.it
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "I maestri incisori bujesi Arquivado 29 de xaneiro de 2022 en Wayback Machine.". Rete di scuole del Friuli collinare (icsedegliano.it).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Le medaglie di Giampaoli". En Pagine della Valle d'Aosta. Nº 9. Decembro de 1998 (Cnvaldostano.it)
- ↑ Buora, M. "Giampaoli Pietro, Celestino e Vittorio, medaglisti". Dizionario Biográfico dei Friulani.
- ↑ "500 Lire (silver)". Numista.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pietro Giampaoli |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alteri, G.; Giamopaoli, P.; Giampaoli, S. (2010). Le medaglie di Pietro Giampaoli. Biblioteca Apostólica Vaticana. ISBN 9788821008597
- Masutti, V. (1986). Pietro Giampaoli Medaglista. Catalogo della mostra organizzata dal Comune di Buja dal 17 maggio al 15 giugno 1986. Comune di Buja.